Sunday 12 de May de 2024

O Consello da Xunta aproba o novo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa para o período 2015-2021 co fin de protexer o dominio público hidráulico e garantir a calidade da auga


O presidente do Goberno galego sinala que o Plan conta cos recursos precisos para actuar a longo prazo e ten dous obxectivos: garantir un bo estado da auga e cumprir o compromiso de protexer ao máximo o dominio público hidráulico

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aprobou hoxe o novo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa para o período 2015-2021 co fin de protexer o dominio público hidráulico e garantir a calidade da auga.

Segundo sinalou o máximo responsable autonómico, trátase dun Plan completo, elaborado con vontade de diálogo, que conta cos recursos precisos para actuar a longo prazo e que ten dous obxectivos claros: garantir un bo estado da auga e a demanda dela e cumprir o compromiso de protexer ao máximo o dominio público hidráulico.

Esta nova planificación terá un impacto importante en moitos lugares e en moitas persoas, polo que ten sido elaborada con vontade de diálogo. Por iso, a transparencia e o fomento da participación pública tivo especial importancia na elaboración deste proxecto, tanto na presentación do borrador, como na presentación do estudo ambiental.

Por outra banda, Feijoo destacou que se trata dun Plan dotado cos recursos necesarios para poder ser desenvolvido a longo prazo e con prioridades claras. De feito, conta cun investimento global de 655 millóns de euros, dos que a Xunta achegará un total de 423, correspondendo os restantes a outras administracións.

Con respecto a isto, sinalou que a maior parte deste investimento (410 millóns de euros) destinarase a melloras de saneamento e depuración; e, dentro desta área, farase especial fincapé en novos investimentos para as rías galegas, que acadarán os 131 millóns de euros para os próximos seis anos.

Así mesmo, o presidente da Xunta repasou o traballo feito nos últimos anos, como a construción da depuradora de Vigo, a máis grande España; as depuradoras de Bens, Ferrol, Ares-Fene-Mugardos, Ribeira, O Grove e Ribadumia; e os colectores de Noia.

Como sinalou, grazas a isto, hoxe a Xunta pode presentar un novo Plan partindo dunha mellor situación da Demarcación, xa que a mellora a nivel global do estado das masas vese no feito de que se pasara dun 70,6% en 2010 a un 77,5% de masas en bo estado.

Segundo Feijóo, o Goberno galego proponse seguir coas actuacións que son precisas para completar os seus obxectivos no terreo hidráulico, como o saneamento das rías de Vigo, Viveiro e Arousa; o saneamento da ría de Pontevedra, a través dun sistema de colectores e da EDAR de Praceres, e o da ría do Burgo; a construción da EDAR de Santiago-O Souto; as depuradoras de Burela e Foz; e completarase a rede de colectores de Ferrol-A Malata.

Do mesmo xeito, Feijóo fixo fincapé en que o Plan foi elaborado con obxectivos claros: priorizar o saneamento para acadar o bo estado das masas de auga e promover o seu uso sostible e alcanzar unha axeitada protección do dominio público hidráulico.

Novidades do Plan
Por outra banda, o titular da Xunta sinalou que o Plan incorpora importantes novidades, como por exemplo, que é un documento máis simple na forma, ao pasarse dos 62 artigos do Plan anterior aos 45; pero máis ambicioso no fondo.

Así, busca unha maior capacidade de control do estado das masas de auga e para iso valorarase o estado do 100 % das masas de auga, fronte ao 90 % que se tiña acadado na anterior estratexia. Ademais, para esta avaliación, incorpóranse moitos máis parámetros co fin de determinar o cumprimento non só da directiva europea de planificación hidrolóxica, senón tamén de outras como a de moluscos, ou a de calidade de augas de baño.

A maiores, tamén se reforza a protección con dúas medidas especialmente destacables:
a aprobación, por primeira vez, dun réxime de caudais ecolóxicos para cada masa de auga e a regulación dos usos en zonas con risco de inundación.

O presidente do Goberno galego sinalou tamén que o documento eleva a prioridade do uso da acuicultura por considerarse un sector estratéxico para Galicia, e iguálao co uso agrícola ou gandeiro.

Máis polo miúdo, mellóranse os programas de control de augas superficiais, cun incremento nun 40% do número de estacións no programa de control de vixilancia, coa decisión de cuadriplicar o programa de control operativo. Tamén se amplían de 51 a 75 as estacións do programa de control de augas subterráneas.

En definitiva, a Xunta aproba o Plan Hidrográfico Galicia – Costa tras un proceso de análise completo e que fomentou a participación, para poder presentar un texto con máis de 650 millóns de euros comprometidos; que garanta as infraestruturas necesarias para seguir garantindo aos galegos auga en cantidade e en calidade; e, sobre todo, as medidas precisas para reforzar o control do noso dominio público hidráulico.

Este texto remitirase agora ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino para, previo informe preceptivo do Consello Nacional da Auga que se celebrará o próximo 28 de outubro, ser posteriormente ratificado polo Consello de Ministros mediante Real Decreto.